domingo, 3 de xuño de 2012

SOBRE POLÍTICA, DEMOCRACIA E ESTATUAS


Falaba eu cun amigo polo facebook e saíu a célebre frase de Aristóteles de que “o home é un animal político”, “zoon politikón” transcrito do grego. Lembro as miñas clases de filosofía en COU cun estupendo profesor, Xosé Manteiga e como nos dixo que a miúdo se malinterpreta a frase porque Aristóteles non entende político no sentido que nós lle damos a política e actividade política senón no sentido de ‘polis’ ou cidade-comunidade. A polis era para os gregos a comunidade de cidadáns que vivían nela e se autogobernaban e non só a cidade en sentido físico. Do mesmo xeito anos despois tamén os romanos diferenciaban ‘ urbs’ para referirse á cidade romana e ‘cívitas’ para referirse á comunidade de cidadáns; Roma non foi nunca unha democracia pero nos tempos da República (que ven de res pública ou asuntos públicos) tamén un grupo de cidadáns tomaba as decisións de goberno.
O que quero dicir é que a frase de Aristóteles fala de que o home é un animal social ou urbano, que vive en comunidade. E Atenas, que inventou a democracia, entendía esta como unha comunidade de persoas que participaban no goberno. Autarquía, autogoberno son palabras gregas que para eles eran sinónimo de liberdade. A Ekklesía era a asemblea na que se reunían os cidadáns de Atenas e onde se tomaban as decisións importantes.
Menudo rollo estou soltando pero veume á cabeza ao ler un comentario nun xornal sobre a estatua de Fraga. Este cidadán dicía que os que nos opoñíamos á estatua non aceptabamos os resultados das eleccións municipais que deron un claro triunfo ao partido popular e por iso saíamos á rúa. A democracia como todos sabemos é o goberno do pobo e a esencia desta  é que se escoiten todas as voces non só as da maioría, senón isto sería unha ditadura da maioría. A nosa democracia é representativa, nós cedemos o uso do poder a uns representantes, e non directa, como era a grega, onde na Asemblea ou Ekklesía se tomaban as decisión importantes. Pero o feito de elixir a uns representantes non supón darlle un cheque en branco e que co noso voto teñan poder para facer o que queiran, e ademais todos contribuímos cos nosos impostos a soster a comunidade e non só os que gañaron as eleccións. Eu podo entender que non se nos consulte sobre o ancho dos sumidoiros ou sobre onde se van poñer farolas pero para cousas menos técnicas e de máis calado a cidadanía pode e debe ser consultada. Esa estatua, se se fai, espero que non, tamén vou eu a contribuír a pagala. Así que si o goberno municipal non se dignou a consensuar a decisión cos outros partidos elixidos tamén democraticamente eu síntome totalmente lexitimada a manifestarme. Desta crise na que estamos que é  a un tempo económica e política, moita xente está dacordo en que só sairemos de dous xeitos, cara adiante ou cara atrás. Ou se rompe Europa e o Euro ou máis Europa e máis integración. Ou ditadura ou máis democracia e participación cidadá. O futuro o dirá.

Por certo nas pasadas eleccións o Partido Popular obtivo 5.208 votos, ampla maioría si, pero en Cambados vivimos 13.946 persoas.