martes, 2 de outubro de 2012

UNHA EUROPA DAS REXIÓNS vs UNHA EUROPA DAS NACIÓNS

Europa estruturouse no s. XIX fundamentalmente, nunha serie de estados-nación, e as súas fronteiras son froito en gran medida de condicionantes políticos a miúdo artificiais. Pola contra as rexións europeas teñen unha maior base xeográfica, son en certa medida, máis naturais. Teñen a súa orixe en entidades xeográficas (planicies, áreas montañosas...) e unidades lingüisticas e históricas.

As fronteiras europeas están aínda sen consolidar totalmente. Chama a atención que mentres países novos coma os americanos teñan unhas lindes que apenas se modificaron nos últimos 100 anos, pola contra o mapa da vella Europa cambia case cada 10 anos e é previsible que o siga facendo se temos en conta a existencia de "desacordos" en lugares como Escocia, Valonia ou Cataluña, por poñer só 3 exemplos.

A actual crise económica está complicando as cousas. A ultradereita e o ultranacionalismo gañan terreo en Austria, Finlandia, Holanda, Grecia, Alemaña ... de tal xeito que pode ameazar a supervivencia da Unión Europea, a nivel político e económico, que as dúas cousas foron xuntas dende o momento da súa creación. E a historia europea dinos que unha Europa dividida levou a miúdo a enfrontamentos armados.

Moitos pensadores están dacordo en que desta situación só sairemos ou coa ruptura da Unión ou cunha maior integración. A idea que dá título a esta entrada, unha Europa das rexións fronte a unha Europa das nacións podería ter sentido. Isto suporía máis descentralización (nas cuestións máis próximas á cidadanía como todo o relacionado co estado do Benestar: educación , sanidade, cultura, asistencia social...) e máis centralización nos temas de defensa, política económica e monetaria ou relacións exteriores; e tamén un presidente e un goberno europeo elixido directamente. Gobernos"rexionais" e europeo pero non gobernos "nacionais" que están bloqueando o avance da Unión. Pensar coma cidadáns europeos e non como españois ou alemáns, italianos ou fineses. Non parece doado pero a alternativa pode ser a inevitable ruptura de Europa, de novo. Vós que opinades?

PD. Son consciente de que o termo rexión pode resultar polémico, moitas veces úsase interesadamente, uns úsano porque elimina matices políticos e a outros non lles gusta precisamente por iso. Eu úsoo no sentido máis xeográfico, un área cunhas fronteiras naturais (ou doutra índole) ben definidas.

venres, 17 de agosto de 2012

COMO PRODUCIR A TÚA PROPIA ENERXÍA

Está funcionando xa en varios países europeos (Alemaña, Italia, Holanda) un sistema de producción enerxética a pequena escala (en vivendas familiares) que pode ter grandes repercusións no sistema de producción e consumo eléctrico futuro. Collemos da OCU (organización de consumidores e usuarios) esta información:

O AUTOCONSUMO CON BALANCE NETO, aporta enerxía á rede cando sobra e cóllea cando se precisa. O sistema consiste en instalar nos fogares un sistema de producción de enerxía como paneis fotovoltaicos (que se abarataron un 60% nos últimos anos) ou pequenos aeroxeneradores (ainda moi caros debido á escasa demanda). Estes aparellos producen enerxía eléctrica que se autoconsume na vivenda propia,  no caso de que se produza máis do que se consume (durante o día) envíase o sobrante á rede eléctrica e cando se precise consumir e non haxa producción (durante a noite) cóllese da rede. A empresa eléctrica calcula o balance. Así de simple.

A OCU calcula que para unha familia cunha potencia de 3kw contratada amortízase a instalación en 9 anos. O prezo da electricidade en España subiu escandalosamente nos últimos anos (máis dun 50 %) e está hoxe entre os máis caros da UE, ver táboa.


Precísase porén unha lexislación que o permita e que estableza as condicións de pago de peaxe por acceder á rede e do prezo da enerxía que se consuma por riba do balance. Imprescindible que ambos sexan baixos para facelo rendible. O goberno español leva dende abril intentando sacar adiante unha nova lexislación, sen éxito ata o momento.

As vantaxes da xeneralización deste tipo de sistema non fai falla recalcalas: aumento da produción eléctrica, diminución de costes para as familias, menos dependencia enerxética do país, aumento da produción de paneis e nº de empregos, produción de enerxías limpas...

Dadas todas estas vantaxes por que non se lexisla xa? POLA PRESIÓN DAS COMPAÑÍAS ELÉCTRICAS,  se o sistema se xeneraliza poden ver en perigo o monopolio de produción que teñen.

Para presionar en favor desta nova lexislación constituiuse unha plataforma na que participan axentes diversos dende grupos ecoloxistas como Greenpeace, empresarios de renovables a organizacións de consumidores como a OCU,





domingo, 3 de xuño de 2012

SOBRE POLÍTICA, DEMOCRACIA E ESTATUAS


Falaba eu cun amigo polo facebook e saíu a célebre frase de Aristóteles de que “o home é un animal político”, “zoon politikón” transcrito do grego. Lembro as miñas clases de filosofía en COU cun estupendo profesor, Xosé Manteiga e como nos dixo que a miúdo se malinterpreta a frase porque Aristóteles non entende político no sentido que nós lle damos a política e actividade política senón no sentido de ‘polis’ ou cidade-comunidade. A polis era para os gregos a comunidade de cidadáns que vivían nela e se autogobernaban e non só a cidade en sentido físico. Do mesmo xeito anos despois tamén os romanos diferenciaban ‘ urbs’ para referirse á cidade romana e ‘cívitas’ para referirse á comunidade de cidadáns; Roma non foi nunca unha democracia pero nos tempos da República (que ven de res pública ou asuntos públicos) tamén un grupo de cidadáns tomaba as decisións de goberno.
O que quero dicir é que a frase de Aristóteles fala de que o home é un animal social ou urbano, que vive en comunidade. E Atenas, que inventou a democracia, entendía esta como unha comunidade de persoas que participaban no goberno. Autarquía, autogoberno son palabras gregas que para eles eran sinónimo de liberdade. A Ekklesía era a asemblea na que se reunían os cidadáns de Atenas e onde se tomaban as decisións importantes.
Menudo rollo estou soltando pero veume á cabeza ao ler un comentario nun xornal sobre a estatua de Fraga. Este cidadán dicía que os que nos opoñíamos á estatua non aceptabamos os resultados das eleccións municipais que deron un claro triunfo ao partido popular e por iso saíamos á rúa. A democracia como todos sabemos é o goberno do pobo e a esencia desta  é que se escoiten todas as voces non só as da maioría, senón isto sería unha ditadura da maioría. A nosa democracia é representativa, nós cedemos o uso do poder a uns representantes, e non directa, como era a grega, onde na Asemblea ou Ekklesía se tomaban as decisión importantes. Pero o feito de elixir a uns representantes non supón darlle un cheque en branco e que co noso voto teñan poder para facer o que queiran, e ademais todos contribuímos cos nosos impostos a soster a comunidade e non só os que gañaron as eleccións. Eu podo entender que non se nos consulte sobre o ancho dos sumidoiros ou sobre onde se van poñer farolas pero para cousas menos técnicas e de máis calado a cidadanía pode e debe ser consultada. Esa estatua, se se fai, espero que non, tamén vou eu a contribuír a pagala. Así que si o goberno municipal non se dignou a consensuar a decisión cos outros partidos elixidos tamén democraticamente eu síntome totalmente lexitimada a manifestarme. Desta crise na que estamos que é  a un tempo económica e política, moita xente está dacordo en que só sairemos de dous xeitos, cara adiante ou cara atrás. Ou se rompe Europa e o Euro ou máis Europa e máis integración. Ou ditadura ou máis democracia e participación cidadá. O futuro o dirá.

Por certo nas pasadas eleccións o Partido Popular obtivo 5.208 votos, ampla maioría si, pero en Cambados vivimos 13.946 persoas.


martes, 6 de marzo de 2012

8 marzo 2012, día internacional da muller

Este video pode valer para conmemorar ese día, disfrútao, Isabel Allende fala de historias, paixón e mulleres.

xoves, 5 de xaneiro de 2012

UNHA RECEITA PARA SAÍR DA CRISE

Debe de ser esta unha das cen mil solucións que se teñen dado para saír da crise, pero ao mellor acerto. Din que a ignorancia é moi atrevida, e eu son moi atrevida (ergo...).


A política de recortes drásticos que se está facendo en toda Europa estanos levando ao abismo, isto non o digo eu senón varios premios nobel de economía (véxase por exem. Joseph Stiglizt ou Paul Krugman). Unha das consecuencias desta crise financiera que sufrimos é a falla de confianza. Os propios bancos non se fían uns dos outros e non se prestan diñeiro entre eles. Falla tamén a confianza dos mercados nos países de economías máis febles, que deben pagar xuros máis altos pola súa débeda pública, o que os afunde aínda máis, as axencias de cualificación colaboran tamén con dilixencia neste feito. Como ninguén se fía de ninguén, falla o aceite do crédito que engraxa toda a engrenaxe da economía capitalista e fai que esta non funcione. E o diñeiro que podería desatascar a situación non chega nin a empresas nin a familias.

A última medida do Banco Central Europeo e o seu director Mario Draghi (ex-directivo de Goldman Sachs, o maior banco de inversión do mundo, non o esquezamos) din os xornais que foi moi audaz (ver suplemento de economía do País do 31.12.2011). Parece ser ser que abriu “a barra libre do crédito”, ofrecendo amplísima financiación aos bancos a un 1% de taxa de xuro, que estes empregaron en gran medida en comprar débeda pública dos estados (parece que aínda se fían deles). Con isto cumpríase un dobre obxectivo: 1) por un lado facer baixar a prima de risco de moitos países (a máis demanda, baixa o prezo dos xuros) e baixa así o custe de financiación para os estados que alivia as súas contas. E 2) mellórase o balance dos bancos, que collen diñeiro a un 1% polo que o tesouro público español lles paga sobre un 5% (en realidade quen o pagamos somos os contribuíntes coas subidas de impostos do noso goberno). Mentres tanto, pouco dese diñeiro chega a familias e empresas.

E digo eu, non sería preferible que fose o BCE o que prestase ese diñeiro directamente (sen bancos polo medio) aos Estados con dificultades? Pero non, parece ser que as normas do BCE e a Sra Merkel o impiden. Ademais deste xeito axudamos a salvar aos bancos, que sospeito que aínda están peor ca nós (en realidade iso é do que se trata)


Vou coa miña receita, como parece que os que nos dirixen non queren ou non son capaces de sacarnos desta situación, propóñolle unha cousa á cidadanía. Teño lido que a cifra de depósitos dos españois nos bancos en xuño do 2011 é de algo máis dun billón de euros, e que a nosa débeda pública en nov. do 2011 era duns 577.000 millóns, ou sexa a metade da cifra anterior. Se só a metade deses aforros que agora están nas entidades bancarias os investísemos en débeda do Tesouro Público (letra, bonos, obrigacións...) que é o que están facendo os bancos, así que non debe de ser menos seguro que deixalos onde están; pois deste xeito ao mellor conseguíamos tamén un dobre obxectivo: 1) Baixar a prima de risco da nosa débeda (lembrade, a máis demanda menos prezo de xuros) polo que dispoñeríamos de máis diñeiro para sanidade, educación, infraestruturas... e 2) financiaríamos a nosa débeda pública a un menor custe e sen pagarlle o xuro aos bancos, senón que alomenos este xuros iría aos nosos petos. Conseguiríamos tamén un terceiro obxectivo que vos vai soar un pouco radical: a creba do sistema bancario. Non serían capaces de aguantar a devolución dos depósitos, habería que intervilos e nacionalizalos. E entón sería o BCE o que prestase, agora si, o diñeiro a empresas e familias, a xuro 0 e a economía produtiva podería empezar a funcionar. Estou convencida de que non saímos desta crise sen a creba do sistema bancario (que é o que se está intentando evitar a toda costa e a costa de todos nós).


Que vos parece? Perdemos algo intentándoo? Os nosos aforros por poucos que sexan (dende mil euros pódense mercar letras do tesouro) non estarían menos seguros que nos bancos ou debaixo do colchón (ollo! tampouco máis). Visitade a páxina do tesouro público, informádevos do procedemento, é sinxelo, ter certificado dixital ou DNI electrónico, cubrir un formulario online e facer unha transferencia bancaria (esixide ao banco que o faga sen cobrar comisión) a próxima poxa de Letras é o 20 de xaneiro. Eu vouno facer.