venres, 23 de decembro de 2011

UN RELATO DE CIENCIA-FICCIÓN

“ Era o ano 2118 os EUA vían vir a perda da súa hexemonía mundial a mans de potencias asiáticas como China e India.

Moitos anos antes o mundo estivera dividido en dous bloques antagónicos: un capitalista e outro comunista, a existencia deste contrapeso político fixera que os países capitalistas mimasen as condicións de vida dos seus traballadores por medo a unha revolta social e por facer de escaparate das bondades do sistema fronte ao bloque comunista. Pero no ano 2089 o bloque comunista desplomouse e os capitalistas celebraron triunfalmente o éxito definitivo do seu sistema, era “a fin da historia”, na que quedaba demostrado que o sistema capitalista era o único válido. A codicia dos axentes económicos disparouse, o predominio da economía produtiva deixou paso á economía financeira. Xa non era preciso mellorar os soldos dos traballadores, pero era necesario que continuasen consumindo para que o sistema seguise funcionando, así que se fomentou o crédito. Os salarios non subían e os traballadores endebedábanse, os beneficios das entidades financeiras disparábanse, por pequeno que fose o seu soldo podían mercar unha casa, o banco daba todas as facilidades, a demanda de casas aumentaba e polo tanto o seu prezo, ata cando? Ata que a burbulla reventou. O sistema capitalista (igual que antes o fixera o comunista) víñase abaixo,coa quebra masiva de bancos e empresas... O goberno americano tivo que deixar a un lado os seus principios ultra liberais e inxectar diñeiro no sistema financeiro, a General Motors, a principal empresa automobilística do mundo, foi nacionalizada!. A globalización estendeu a crise por todo o mundo. Un presidente francés dixo que había que “reformular o capitalismo” poñer controis ao sistema financeiro. O pánico chegou aos despachos de banqueiros e especuladores e decidiron tomar eles o control da situación: eliminaron mediante un escándalo sexual ao presidente do FMI e lanzáronse á conquista de Europa. A Unión Europea era o último resto que quedaba de ideas socialistas que fomentaban a regulamentación económica por parte do Estado e a existencia dun niveis de benestar para os seus cidadáns. Ataques especulativos e control sobre os gobernos converteron a desmesurada débeda bancaria en débeda pública, ao transvasarse masivamente capital dos Estados, aos bancos con ameaza de quebra. As axencias de rating colaboraron reducindo a cualificación da débeda dos países, empezando polos de economía máis feble. Os intereses que entón tiñan que pagar para financiar a débeda eran desmesurados e conducían directamente á quebra destes países. A economía de Grecia, Irlanda e Portugal foron intervidas. A intervención supoñía ceder soberanía. En Grecia e Italia quitouse do poder ao presidente democraticamente elixido, no seu lugar situaron a ex-directivos de Goldman Sachs, tamén no Banco Central europeo; e o novo ministro de economía español era “ un home do sistema” ex-directivo de Lehman Brothers, o banco que vendeu hipotecas lixo por todo o mundo e dou inicio coa súa quebra a toda a crise posterior. Durísimas medidas de axuste sobre as clases traballadoras fixeron que as entidades financeiras recuperasen os seus ingresos, estábase transvasando riqueza dende as clases humildes e medias cara as clases ricas. O Estado do benestar facía augas. Curiosamente esta invasión de Europa coincidía no tempo coa retirada militar das tropas americanas de Irak, semellaba que xa non facía falla controlar este conflitivo país se había outras fontes de ingresos. Nacía un novo concepto bélico, “A Guerra Económica”. O obxectivo estábase cumprindo, as democracias europeas desaparecendo, os salarios dos traballadores diminuíndo, a inviabilidade dun estado do benestar demostrada...”


Isto que acabo de escribir podería ser un relato de ciencia-ficción como os que fai o meu amigo Moncho Caride, senón fose perigosamente parecido á realidade. Non sei se vos decatastes que nos están roubando o presente, pero non quero ser pesimista, o futuro aínda é noso.


A que isto escribe deséxavos unhas boas festas e que disfrutedes do que menos diñeiro nos costa: estar cos que máis queremos.

luns, 28 de novembro de 2011

COUSAS QUE NON ENTENDO DESTA CRISE

1) Os países “periféricos” da zona euro, os chamados por mal nome PIIGS (Portugal, Italia, Irlanda, Grecia e España) son os que se atopan en máis dificultades coa súa débeda pública. Pero se consultamos certas estatísticas atopamos que a débeda do goberno (débeda soberana) é dun 67 % en España e dun 81 % en Reino Unido, 83% en Alemaña e 100%! en EEUU. Se miramos o reparto da débeda total dos Estados entre o número de habitantes tamén saen datos estraños: En Grecia cada habitante debe 38. 073 euros, 41.366 España e 66.508 en Alemaña e 117.580 en Gran Bretaña!!. Pero de quen desconfían os mercados é dos PIIGS.

2) Financiar a débeda alemá (bono a 10 anos) costa en torno ao 2% de tasa de xuro (interés) anual, a inglesa un pouco máis, a española sobre o 7% e a grega 50%!!!. Os inversores piden máis xuros para comprar a débeda porque teñen medo de que non lla devolvan, e a ese tipo de xuro como lla van devolver?

3) Aos directivos dos bancos e caixas quebrados non só non se lle esixen responsabilidades civís nin penais senón que se lles premia con fortes indemnizacións, mentres as directrices económicas do FMI e da Unión Europea esixen aos países con dificultades favorecer o despido dos traballadores, baixar salarios e facer recortes sociais. Mentres tanto os mesmos que dirixían as axencias de cualificación (que horas antes de que caese Lehman Brothers dábanlle a AAA de máxima solvencia) e os bancos quebrados son os dirixentes económicos do goberno de Obama (ver a peli Inside Job) e están tamén detrás de moitos gobernos europeos.

DOCUMENTAL INSIDE JOB from juliovillano on Vimeo.


4) En plena crise económica a porcentaxe de persoas que teñen máis dun millón de euros aumentou a 10, 9 millóns de persoas en 2009 (un 8,3 % máis) e mentres que pequenas e medianas empresas están pechando as portas e botando traballadores á rúa os beneficios das 35 maiores empresas españolas subiu un 24,7 % en 2010 (moi recomendable ler Hay alternativas na web de ATTAC).

COUSAS QUE CONSEGUÍN ENTENDER DESTA CRISE

1) Sobre os bancos centrais europeo e americano pesan os prexuízos da historia. Os EEUU sufriron a gran Depresión dos anos 30 que supuxo unha recesión económica sen precedentes e debido á falta de consumo unha forte deflación. Pola contra o Banco Central Europeo, con sede en Frankfurt, ten o recordo seguramente da crise Alemá dos anos 20-30 e a súa hiperinflación. Deste xeito a Reserva Federal americana é mais dada a ter intereses baixos e aumentar o diñeiro en circulación para estimular a economía e evitar unha nova depresión. E o Banco Central Europeo prefire evitar medidas que provoquen un aumento da inflación algo que ademais prexudica aos alemáns que son unha nación aforradora (exportan moito e a súa balanza comercial ten superávit) polo que a Sra Merkel non quere oír falar de nada que poña os aforros alemáns en perigo, co risco de botar abaixo todo o proxecto europeo. Xa o dixo o ex-chanceler alemán Helmut Kohl (conservador como Merkel pero intelixente) que o que el fixera pola construción europea o estaba agora desfacendo a súa compatriota.

2) Hai un dito en EEUU que di que ningún banco ou sociedade lle pode gañar un pulso á Reserva Federal pola sinxela razón de que esta ten a capacidade de poder fabricar todo o diñeiro que queira e iso frea calquera ataque especulativo contra a súa débeda.



3) Recomendo encarecidamente ver o vídeo, diñeiro como débeda, a conclusión á que chega é que en realidade os bancos non teñen diñeiro, senón que prestan o diñeiro que os bancos centrais dos estados fabrican e avalan, e entón por que temos os cidadáns dos estados que pagar aos bancos por un diñeiro que é noso? Curioso paradoxo que non se resolverá mais que pola vía de control dos mercados que ameazan con quebrar todo o sistema (pero sempre ao seu favor). Ou será mellor que rebente todo e empecemos con reglas de xogo novas e sen cartas marcadas? Que tal nacionalizar os bancos e que o Estado preste o diñeiro sen cobrar xuro ningún?. Esa idea apúntase no vídeo do que falei.

Mario Draghi actual Pte do Banco Central Europeo, ex-directivo de Goldman Sachs, banco americano investigado polo Congreso dos EEUU pola súa implicación no estalido da crise financieira

O Banco Central Europeo debería dar un golpe na mesa e dicirlle aos mercados de quen é o diñeiro e non ao revés como está pasando. Témome que isto non vai suceder xa que o actual presidente do Banco Central Europeo é Mario Draghi, ex-directivo do banco americano de inversións Goldman Sachs, que tivo gran protagonismo nas causas da crise grega e que axudou ao seu ex-goberno conservador a falsear as contas para que Grecia entrase no euro.

Definitivamente vamos ter que ser os cidadáns os que demos o golpe na mesa e canto antes se faga, mellor.

ESTE ARTIGO ESTÁ PUBLICADO TAMÉN NA WEB CAMBADOS TK

luns, 29 de agosto de 2011

DIARIO DUNHA VIAXE A NYC


(Este diario estivo publicándose mentres estabamos en Nova York na páxina de Cambados TK)

DÍA 1

Levei un libro para a longa viaxe en avión, doumo Miguel Muñiz o fotógrafo-editor de TodoGrove-edicións, é dun cambadés que me soaba de vista pero que non coñezo persoalmente, chámase Exidio Cuíñas.

O libro en cuestión é “Salgadoiro de queixo e mozzarella”, título e portada xa teñen un sabor surreal porque aparece a torre de S. Sadurniño e unha artesa de pan (que debe ser o máis parecido que atoparon a un salgadoiro) vamos como aquilo que dicían Lautrémont e os surrealistas “da beleza do encontro nunha mesa de disección dun paraugas e unha máquina de coser” ….. E o tono surreal persiste en toda a novela que é en realidade un relato de viaxes, que empeza en Compostela, sigue en Cambados, logo en Arteixo cunha furna con cinzas dun difunto, unha viaxe ás Malvinas que logo non pasou de Bos Aires para voltar por barco a Galicia e finalmente rematando nun avión con destino a Madagascar.

Perfecta novela por tanto para ler nun avión porque ademais riste a escachar co humor acedo do personaxe de Juan. En fin moi recomendable para viaxar cara unha cidade dadaísta e surreal como é NY ou para non saír de Cambados.

DÍA 2:


Hoxe instalámonos no apartamento que alugamos vía internet, caro e pequeno pero non está de todo mal e a zona é bonita e animada, está entre o Soho e Nolita. O edificio está vello pero hai conexión a internet, eso permitiume ver a páxina de Cambados TK e ler o artigo de Óscar sobre o “Concello perita” do noso alcalde, que me fixo rir un pouco; dende logo é un episodio digno de aparecer no libro de Exidio.

O Soho é a zona que está ó sur da rúa Houston (South-Houston) e Nolita o que está ao norte de Little Italy. Non é zona de rañaceos senón desas casas de 4-5 pisos de ladrillo e coas típicas escaleiras de incendios das películas. Estamos polo tanto na illa de Manhattan, pero Nova York é máis que Manhattan e inclúe 4 barrios máis, Queens (onde está a maior colonia de galegos), o Bronx, Brooklyn e a pequena Staten Island.

Creo que a Manhattan lle chaman a gran mazá por un músico de Jazz (negro supoño) que dixo que hai moitas mazás na maceira pero cando triunfas en Manhattan é que colliches a gran mazá. Bueno como vedes empezei falando de peras e acabo con mazás.

DIA 3

As fotos que aparecerán poden ser de Manolo, Manuel e Mariña Busto ou de Maribel Iglesias

Hoxe fomos á ponte de Brooklyn que queda perto da zona na que estamos, o downtown. Os anglosaxóns coa súa economía na linguaxe dividen a illa de Manhattan en 3 sectores: abaixo, no medio e arriba (downtown, midtown e uptown). No downtown estaba a zona máis antiga da cidade, onde se instalaron os holandeses, porque Nova York foi primeiro Nova Amsterdan; pero a parte máis antiga é agora a máis moderna porque aí se instalou o centro financieiro, onde estaban as torres xemelgas e onde está aínda a bolsa de NY en Wall street que ten ese nome porque por alí pasaba a muralla defensiva que en tempos antigos tiña esta parte da cidade.

E volvemos á ponte de Brooklyn que como se pode supoñer une Manhattan con ese barrio de NY, a ponte ten unha parte illada do tráfico rodado que se pode cruzar andando, correndo ou en bici; a vista do skyline de rañaceos de Manhattan paga a pena. Resulta tamén curioso ver a centos de neoyorquinos correndo coma tolos para chegar a non se sabe onde, é o que nós chamamos footing, palabra que nos inventamos en España e que un americano non ten nin idea do que significa. Diante de nós desfilaron homes e mulleres de todas as razas, culturas e cores, reflexo deste “melting pot” que é NY (en España diríase de xeito máis cursi “crisol de culturas”) e pese ás diferencias de idade, raza e sexo todos ían uniformados coa mesma roupa deportiva e un curioso cinto do que colgaban botelliñas de líquidos "misteriosos" de diferentes cores.

DÍA 4

Pedinlle ao meu fillo que fixera unha foto dadaísta desta obra de Duchamp e saiulle esto

Hoxe fomos ao MoMA (Museo de arte moderna) que está no midtown. Dende a rúa Houston cara o norte (a illa de Manhattan ten unha forma alongada que se extende máis ou menos de norte a sur) a cidade planificouse cun plano en damero no que existen anchas avenidas para facilitar o tráfico e que van de norte a sur e están numeradas: a 1ª avenida, a 2ª… así ata 12, as máis famosas quizais sexan a quinta e a sexta, a esta última chámanlle tamén a Avenida das Américas e aí se fan os desfiles (“parades”) relacionados cos países americanos como o que se celebra o 12 de outubro ou o que vimos nós hoxe adicado á República Dominicana. A 4ª avda da paso a Park avenue e 2 máis: Lexington e Madison avenue. Unha avenida excepcionalmente vai en diagonal, é Broadway na que cerca da praza de Times square é onde se sitúan gran número de cines e teatros. Transversalmente ás avenidas están as rúas, tamén numeradas de sur (a nº 1) a Norte (a cento e moitos, xa no barrio de Harlem). A quinta avenida tamén divide a cidade polo medio en Leste (east) e oeste (west), e así diferencian entre o West side o East side. Esta organización urbana é típica das cidades de nova creación, planificadas de antemán como acontece con casi todas as cidades americanas do norte e do sur (lembro por exemplo Bos Aires). Entre as rúas desenvólvense as mazáns de casas, “cuadras” que din os arxentinos ou “blocks” os neoyorkinos. Con este sistema é doado orientarse na cidade.

O MoMA é un museo estupendo, moi ao estilo anglosaxón, onde podes sacar fotos libremente (sen flash) e sin sentirte controlada (sempre que cumpras unhas normas mínimas). Están feitos para que os disfrutes e as obras están vivas e non parecen reliquias de sagradas igrexas que hai que venerar, como os nosos museos. Aos directores dalgúns museos galegos viríalles ben darse unha volta por aquí. Despois dun día bonito, pero agotador, voltamos ao apartamento e descubrimos na escaleira de incendios do edificio, xusto en fronte da nosa ventá un paxaro agonizando (sí tamén hai paxaros en Manhattan, e moitos). Meus fillos puxéronse coma tolos, empeñáronse en collelo e intentar curalo pero o seu estado era tan lamentable, casi sin plumas, e parecía tan enfermo que o descartamos. A seguinte opción que se nos ocurreu foi a eutanásica, pero como?. Puxémonos a buscar obxectos contundentes, meu fiilo dixo que un golpe forte na caluga sería o mellor. Atopamos coitelos, cucharóns de sopa e perchas. E entón decidimos unánimemente que o encargado de dar o golpe de gracia debía ser Manolo (o meu home) que para iso era o cabeza de familia. Manolo mirounos dende a outra habitación e coa sensatez que o caracteriza (non en van é da Portela, unha aldea de Barro) dixo que deixáramos de facer o parvo, “a vida é así”. Ás poucas horas morreu. É curioso que levásemos todo o día vendo persoas sen casa polas rúas (“homeless”), moitas delas enfermas e que non sentísemos demasiada compaixón por elas e en cambio ver un paxaro enfermo conmoveunos.

Día 5:

Hoxe fomos ao Museo Guggenheim que está na quinta avenida, xusto en fronte de Central Park. Foi feito nos anos 50 polo famoso arquitecto americano Frank Lloyd Wright para conter a colección de arte do millonario americano de orixe xudeo Solomon Guggenheim. As numerosas obras de arte que posuía a familia fixeron que anos máis tarde se abrisen novos espacios para mostralas como en Venecia e Bilbao. Wright meteu en pleno Manhattan un caracol, como se se houbera escapado de Central Park e digo isto porque o museo é unha gran espiral, unha rampa pola que o público vai subindo e contemplando a colección. Un perfecto círculo inscrito na cuadrícula que é Manhattan, como os círculos e cadrados superpostos que aparecen nos cadros de Kandinsky que ten a colección.

Hoxe ademais de custodiar a colección (basicamente autores impresionistas, postimpresionistas e das vangardas históricas) e mostrala ao público, o museo organiza exposicións temporais sobre artistas máis contemporáneos. A que nos tocou a nós foi a do artista-filósofo koreano Lee Ufan. Este artista, moi influído pola filosofía oriental reflexiona nos seus cadros e instalacións escultóricas sobre o espacio e así coloca grandes pedras distribuídas en diferentes contextos, ás veces sobre lenzos, coxíns, planchas de ferro que pese ás diferencias de concepción lembráronme as obras de Manolo Paz. En Lee Ufan hai unha maior reflexión teórica e a característica sutileza dos orientais, en Manolo Paz temos algo máis bruto pero tamén máis telúrico, máis próximo á natureza. En fin dúas concepcións diferentes feitas en dous lugares moi distantes: por onde nace o sol e por onde se pon pero resultados semellantes.

DÍA 6:

Edificio Dakota

Hoxe fomos ao Museo de Historia Natural, meus fillos empeñáronse en ir ver a colección de dinosaurios que teñen. A verdade é que é un museo estupendo, moi entretido incluso para os que somos "de letras". Gustoume moito a parte sobre o Espacio e o Universo. Alí aparecía un panel que dicía que somos "polvo de estrelas": os minerais que están no noso corpo, o osíxeno que respiramos, o carbono dos nosos músculos, o calcio dos osos e o ferro que corre polo sangue das nosas veas, proceden das estrelas, formadas moito antes que o planeta Terra.

O Museo está no Upper West Side, en fronte de Central Park, unha zona rica, alí está tamén o edifico Dakota, onde viviu e morreu Lennon. Xusto en fronte, no outro lado de Central Park está o Upper East Side, tamén zona rica, pero según di a guía que teño é máis conservadora (votan republicano, ou sexa PP), pola contra os do Upper West Side son máis liberais (votan demócrata, ou sexa PSOE) e parece que non se levan moi ben os dun lado e outro. Vamos que teñen unha rivalidade parecida á que hai en Cambados entre os de Triana e os de Sto Tomé (anque en Cambados todos votan PP).


DÍA 7

Bicis en Park Avenue

Tres sábados do mes de agosto organizan nas rúas de Manhattan as "summer streets"; cortan ao tráfico de coches un eixo que vai de sur a norte: rúa Lafayette-Park avenue ata Central Park e pódese ir en bici, correndo, patinando... Ademais compañías de alquiler de bicis cédenche gratuitamente unha bici durante unha hora para que fagas o percorrido (o que non é pouco nesta cidade onde se paga por todo). Foi unha experiencia bonita percorrer Manhattan sen coches e ver os rañaceos dende as rúas que normalmente están dominadas polo "deus" automóbil.

Chamoume a atención que toda a actividade contase coa colaboración de empresas e moitos voluntarios, que eran os que organizaban o tráfico (anque coa presenza en todo momento da policía de NY). É curioso que nesta sociedade tan individualista e competitiva a xente é moito máis colaborativa ca nós en temas cidadáns. Falámolo Manolo e eu e a min ocurriuseme que podía influir a orixe relixiosa protestante que ten un sistema asambleario e non xerárquico coma os católicos. A igrexa protestante fomenta máis a colaboración, na misa os fieis participan más, cántase, lese a biblia, discútese sobre ela. No catolicismo o cura dirixe todo. Bueno quen sabe, o que é certo é que esta actividade de verán apenas lle costou diñeiro ás arcas municipais pola colaboración de empresas e voluntarios e non sei si ese é o mellor modelo pero nos tempos que corren, Europa vai ter que ir cara algo semellante. Non hai sociedade perfecta nin imperfecta totalmente, e non serei eu quen defenda o modelo americano pero si que vexo certa flexibilidade que facilita moito a innovación. Escoiteille dicir a un científico español que viviu en USA que o modelo anglosaxón en investigación era que ti presentabas un proxecto, deixábanche facer pero eso sí ao final tiñas que rendir contas dos obxectivos propostos (e inclusive devolver o diñeiro se non os acadaches); en España é ó revés tes que presentar un proxecto detallado, axustándose escrupulosamente ás normas legais e si consigues que cho aproben, adiante que ninguén che vai comprobar ao final si acadaches resultados, é dicir as forzas vanse na burocracia. Cal é mellor sistema?.

Día 8:

Quinta Avenida

Como era domingo decidimos ir a misa, e ningún sitio mellor que Harlem para ir á igrexa. Conforme iamos pasando estacións no metro ían achegándose máis turistas, semellaba que todas as guías dician o mesmo: a mellor igrexa para escoitar un coro de gospel era a Abyssinian Baptist Church. Deste xeito cando chegamos a Harlem pareciamos un rebaño de turistas caucasianos (ou sexa brancos) en medio dos habitantes de Harlem afroamericanos (ou sexa negros). Para acceder á igrexa formouse unha enorme cola que varios feligreses negros elegantemente vestidos para a misa trataban de organizar sin moito éxito. Cando xa levabamos un bo anaco esperando, un destes feligreses informounos que non ía a haber sitio para todos na igrexa; un francés idiota (e ocúrrenseme apelativos peores) empezou a protestar por ternos na cola esperando sen avisarnos antes. Quedáronme ganas de preguntarlle si alguén lle mandara vir ata alí, ou si pagara algunha entrada, porque esta xente nos estaba deixando entrar no seu servicio relixioso sin cobrar un peso (cousa rara na vella Europa). En fin que nos quedamos sin escoitar gospel. Fomos cara a parada de autobús que nos levaría á quinta avenida e mentres esperabamos puidemos ver os restos que quedaban da noite do sábado anterior: numerosas botellas de licor tiradas polo chan. Tamén vimos a moita xente elegantemente vestida, especialmente bonitas ían as nenas cos seus vestidos de flores e repoludos peiteados, supoño que irían a misa, ou non, simplemente era domingo. E todo isto lembroume o dito que aparece na guía de que en Harlem "hai un bar en cada esquina e unha igrexa en cada rúa". Dun xeito ou outro vaise soportando a vida.

Baixamos do autobús na 5ª avenida e non fai falla dicir que o contraste foi notable. A riqueza da zona vese en moitas cousas pero chamoume especialmente a atención unha, os cans. Non debe de haber neoyorkino de nivel que non teña un can de pedigree, ou dous, porque soen ter parellas idénticas, supoño que macho e femia. E ás veces ata se poden ver persoas paseando 3 cans (ou máis), supoño que o número de cans será directamente proporcional á soedade que sinten.







Día 9:

Hoxe repetimos 5ª avenida. Alí atópase a milla dos museos, ademais do Guggenheim están o Metropolitan (de arte antigo), o Museo Whitney (de arte americano) e o Frick (a colección dun millonario). Todos estes museos están fronte a Central Park, ao rematar este empeza a milla dos comercios máis exclusivos. Empeza fronte ao Hotel Plaza coa espectacular tenda de Apple (que está nun planta subterránea e ten unha sorprendente cuberta cúbica acristalada). A partir de aí están todas as tendas de roupa de coñecidas marcas francesas e italianas, a Trump Tower, a famosa xoiería Tiffany (a que saía na película de Audrey Hepburn, Almorzo con diamantes) que por certo tiña uns escaparates moi veraniegos decorados con xeados sobre os que colocaban aneis con voluminosos diamantes (mira que si te tragas un…) e por suposto non podía faltar Zara nun dos mellores solares da rúa. E alí estaba tamén, no corazón do capitalismo, a Catedral de San Patricio, relixión e diñeiro sempre están xuntos. Trátase dunha igrexa neogótica coas súas típicas agullas intentando tocar o ceo, coma os rañaceos. Uns están dedicados ao “deus diñeiro” e a igrexa ... tamén, utilizando formas semellantes.


Día 10:

Anuncio publicitario no Soho

En teoría nos viñemos a NYC (entre outras cousas) para mellorar o noso inglés, na práctica estamos perfeccionando o español. Eu estivera aquí fai 20 anos e xa daquela a presencia hispana era importante: varias canles de TV en español, moitos hispanos traballando, carteis en español nos barrios hispanos… pero agora a presencia é moito maior, o español xa non é só a lingua dunha minoría, nalgúns ghetos da cidade. EEUU vai camiño de ser un país bilingüe: nas máquinas do metro sacas os tickets en español, moitos carteis das rúas (non só do Bronx) están en español, nas tendas grandes (e pequenas) tes moitas posiblidades de que te atendan nesta lingua. Onde nos estamos, o Soho, que non é un barrio específicamente hispano, o supermercado da esquina é de hispanos, na pizzería na que ceamos de cando en vez atenden varios hispanos e George, o empregado de mantenemento do noso edifico é en realidade Jorge, de orixe mexicano. En fin que meus fillos están encantados porque non teñen que usar o inglés para que os entendan. Galicia bilingüe pode estar tranquila, o español non corre perigo.

E non só é importante a presencia de hispanos de sudamérica senón tamén de hispanos de España. Dos turistas europeos que vemos polas rúas creo que a maioría son españois, hai moitos restaurantes de “tapas”, nas tendas de delicatessen podes ver as pernas de xamón serrano, Zara está en todas as zonas comerciais importantes da cidade, hai viños españois en todas as cartas dos restaurantes e ata vimos un cartel publicitario enorme de Martín Códax no Soho. Non sei si esto é bo ou malo, pero é así.

Día 11:

Unha das galerías de arte de Chelsea

Onte fomos ao barrio de Chelsea. Manolo quería ver galerías de arte. Cando eu vin fai 20 anos a maior parte estaban no Soho, hoxe están en Chelsea. O Soho mudou cara unha zona máis comercial e polo tanto máis cara, así que supoño que buscando espazos máis amplos e baratos as galerías mudáronse a este barrio próximo ao río Hudson e os seus peiraos onde existían moitos almacéns con posibilidades de convertilos en salas de exposicións. A mala sorte acompañounos de novo, porque pechan en agosto (bueno segundo se mire porque meus fillos estaban encantados) . De aí fomos ao Madison Square Garden onde xoga polo visto non sei que equipo de baloncesto, os Knicks me di meu fillo. Mentres estabamos tomando uns sandwiches á sombra dun rañaceos escoitamos un tremendo estoupido, o 1º no que pensamos foi nunha bomba pero como non se escoitaron despois sonidos de sirenas, todo o mundo se tranquilizou. Si nos chocou que de volta ao apartamento (temos o sano costume de dormir a siesta ata en NYC) ao coller o metro notamos que casi ninguén viaxaba nel. Ao chegar a casa as canles de TV botaban fume falando dun terremoto e así seguiron ata hoxe en que empezaron a falar do furacán Irene que (xa debilitado) vai afectar tamén á costa leste e a NYC. Menos mal que marchamos nós antes.


Día 12:

Emigrante europea. Museo da Illa de Ellis

Hoxe visitamos a “Illa da Liberdade” onde se atopa a famosa estatua. A escultura é un bodrio, o seu autor (francés) deseñouna ao parecer para a Canle de Suez como símbolo do encontro entre Europa e Asia, ese proxecto fracasou e readaptouna para o actual emprazamento, regalo do goberno francés ao americano ao que o unían lazos de fonda amizade dende que os americanos recibiron axuda francesa na súa Guerra da Independencia fronte a Gran Bretaña. Anque a escultura non vale un peso, paga a pena ir ata alí e contemplar as fermosas vistas de Manhattan e New Jersey dende o mar; tamén o percorrido actual inclúe unha parada na Illa de Ellis por onde entraron a maioría dos emigrantes europeos a EEUU ata os anos 20. Hai na illa un museo interesante sobre iso e un monumento cos nomes de todos os emigrantes rexistrados ao entrar na illa (uns 8 millóns), foi curioso atopar moitos nomes galegos, lembro especialmente un “Avelino Iglesias”, por levar o meu apelido. Para min que son filla de emigrantes foi especialmente emotivo poñerme na pel deses homes e mulleres que despois dunha longa travesía chea de penas e esperanzas a partes iguais, vían dende o barco, na entrada do porto de Nova York a Estatua da Liberdade que lles anunciaba (ou iso pensaban eles) un futuro mellor.

Fans de Lady Gaga en Times Square

Pola tarde fomos a Times Square, meus fillos tiñan especial interese en ir, supoño que porque sae moito nas películas e porque alí está o Hard Rock Café. A min lembroume a película de Blade Runner, sólo faltaba a chuvia. E para completar a escea futurista alí estaban ducias de fans de Lady Gaga que polo visto estaba no interior dun dos edificios e ía vir saudar. Pero levabamos media hora esperando e Lady Gaga non aparecía así que nos fomos. Mariña dixolle ás amigas polo tuenti que “casi” viu a Lady Gaga.


Día 13:

Novo rañaceos da zona cero en construcción

Deixamos para o final (non sei por que) a visita á zona cero. Este ano están especialmente volcados no tema porque se cumpren 10 anos da traxedia e están preparando unha gran homenaxe para o próximo 11-S. Porén as obras do “Memorial” aínda non están rematadas; despois de moito discutir parece que o proxecto definitivo vai levar unha especie de fervenzas no centro dunha praza na que se plantarán centos de árbores. Irá tamén debaixo unha nova estación de metro deseñada por Santiago Calatrava e non puideron resisitirse a construír un novo rañaceos (e de paso rentabilizar un solar que se atopa no milloriño da zona financieira) pese ás críticas das familias das víctimas. Sorprendeunos tamén que tivesen unha especie de museo-tenda, máis tenda que museo na que exisitían unha serie de fotos e obxectos que recordaban a traxedia e sobre todo estaba á venda un enorme merchandising do suceso: postais, libros, camisetas, chaveiros, supostamente para axudar á construción do “Memorial”. Manolo preguntouse se na Estación de Atocha se houbera podido facer algo así.

Non lonxe da Zona cero está Wall Street. Alí está a Bolsa ou mercado de valores de Nova York, que eles chaman o New York Stock Exchage. E imaxinades que hai xusto ao lado?, Siii unha igrexa, a Trinity Church, de estilo neogótico. O edificio da bolsa tamén ten forma de templo pero neste caso un templo grego co seu frontón coroando a fachada. Se temos en conta que a igrexa é a da trindade ( lembrade o dogma das tres persoas: pai, fillo, espírito santo..) e o relacionamos co triángulo do frontón xa temos a analoxía completa. Xa o din os billetes de dollar: “In god we trust” (en deus confiamos).

Mañá voltamos a Cambados, antes de que nos pille o furacán Irene (espero).


Día 14:

Xa estamos en Cambados. Quizais comprobastes que me retrasei no envío das últimas crónicas, igual pensastes que estabamos atrapados polo furacán Irene, nada máis lonxe da realidade. A nosa viaxe a Nova York foi agradable pero sin emocións fortes. Do terremoto nin nos enteramos e viñemos 12 horas antes de que empezase o furacán (afortunadamente), o que aconteceu é que nos quedamos sen conexión a internet, primeiro no apartamento de NY, logo non nos dou a gana de pagar no aeroporto a wifi e ao chegar á casa descubrimos que non desconectaramos o router e coa tormenta que houbo en Cambados debeuse de queimar.

Nova York é unha cidade fantástica, nova, dinámica, moi bonita, extraordinariamente fotoxénica, ata o lixo das rúas lle queda ben, anque tamén é unha cidade dura, de bruscos contrastes nas temperaturas físicas e humanas: entre os veráns calurosos e os invernos xélidos, entre as rúas e o metro cálidas e húmidas e os aires acondicionados excesivamente fríos de comercios e oficinas, entre a amabilidade de moitos transeuntes que se ofrecen a axudarte se te ven perdido e a mala educación doutros, entre a opulencia das limousinas e edificos da quinta avenida e a pobreza e desamparo dos sen casa que atopas a cada momento.

É unha cidade que se recorda con agarimo pero cando volves a Cambados e ves as estrelas (non hai estrelas no ceo de Manhattan, quizais pola contaminación lumínica) alégraste de estar de volta na casa. Ata outra.



martes, 8 de marzo de 2011

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER


UNHA HISTORIA





UNHA EXPOSICIÓN




A ONG Médicos sen fronteiras está levando por toda a xeografía española a exposición: First Ladies. Acaba de estar en Vigo e vai agora a Tarragona. Son fotografías que conteñen historias de mulleres en Sudán, Congo ou Nepal; obra de tres interesantes fotógrafos holandeses: Corb!no, Pim Ras e Venus Veldhoen (foto superior). Mira este video sobre a exposición:






UN XOGO

Un colexio de Arteixo, A Coruña, prohibiu levar o hiyab (velo) a unha nena musulmana de 12 anos.

Intenta dicir cal destas mulleres é musulmana. Hai tres opcións: inglesa, galega e palestina. Adiviña cal delas non poderá entrar no colexio de Arteixo.




sábado, 22 de xaneiro de 2011

SOBRE A REFORMA DAS PENSIÓNS E OUTRAS COUSAS

Sindicatos e Goberno están en plena negociación sobre o tema da reforma das pensións aqui vos envío algúns videos interesantes e algúns artigos relacionados co tema:

O noso amigo Duarte envióunos este video elaborado pola CIGA:




O comité de ATTAC enviou este comunicado:

"Ante la ofensiva de los medios y la campaña de intoxicación masiva contra las pensiones públicas y a favor de los planes privados de pensiones, recomiendo difundir este escrito y enlace de Juan Torres.Carlos Martinez

En el cuadro 1 que se presenta más abajo se resumen dichas rentabilidades y en el 2 la de los planes garantizados de algunos de los fondos de pensiones del Banco de Santander. Confirman los resultados de un estudio de Pablo Fernández y Javier del Campo sobre la rentabilidad de los fondos privados de pensiones (Rentabilidad de los Fondos de Pensiones en España. 1994-2009) que comenté hace unos meses en TEMAS PARA EL DEBATE. Mostraba este estudio que en los últimos diez años, el 93% de los fondos del sistema individual obtuvo una rentabilidad inferior a la inflación y el 99,3% obtuvo una rentabilidad inferior a la de los bonos del Estado a 10 años.

Es evidente, pues, que estos planes privados de pensiones que quieren convertirse en sustitutos de las pensiones públicas son una verdadera engañifa financiera. La inversión que se hace en ellos solo se puede llegar a compensar, si acaso, con la desgravación fiscal tremendamente injusta (porque la disfrutan solo los contribuyentes de rentas más altas) que llevan consigo, y que supuso en 2010 un gasto fiscal de 1.443 millones de euros, casi la misma cantidad del recorte en las pensiones (1.500 millones de euros) que sufrieron, sobre todo, las clases de menos ingresos.

Los bancos crean primero el alarmismo sobre la solvencia de las pensiones públicas financiando estudios que realizan economistas con muy poca capacidad predictiva y difundiendo luego sus conclusiones por todos los medios además de obligar a los gobiernos a recortar los derechos de los pensionistas. Así atraen miles de millones de los que pueden ahorrar algo de sus sueldos. Colocan esos recursos en los mercados financieros con altas ganancias pero no devuelven esa rentabilidad a los clientes. Y eso, si es que tratando de ganar lo máximo posible no llevan a la quiebra a los fondos, como ha ocurrido en numerosas ocasiones, y obligan a los gobiernos, como recientemente en Estados Unidos, a que pongan cientos de miles de millones para salvarlos. Un negocio redondo para los bancos."

De Juan Torres del Consejo Cientifico de ATTAC España y Secretario de ATTAC Andalucía. Catedrático de Economía Aplicada de la Universidad de Sevilla



E remato con este artigo de Paul Krugman e estes dous videos que mostran que o problema ten raíces fondas e solucións doadas (se houbese vontade política):

"Cobrar impuestos a los especuladores"


"Es hora de echar arena a las ruedas de las finanzas. ¿Deberíamos usar los impuestos para frenar la especulación financiera? Sí, dicen las autoridades británicas, que supervisan la City de Londres, uno de los dos grandes centros bancarios del mundo. Otros Gobiernos europeos se muestran de acuerdo, y tienen razón.

Por desgracia, las autoridades estadounidenses -en especial el secretario del Tesoro Timothy Geithner- se oponen rotundamente a la propuesta. Esperemos que recapaciten: gravar las transacciones financieras es una idea de lo más oportuna en este momento.

El debate se inició en agosto, cuando Adair Turner, máximo regulador financiero británico, propuso un impuesto sobre las transacciones financieras como forma de disuadir actividades "socialmente inútiles". La propuesta atrajo a Gordon Brown, el primer ministro británico, que decidió presentarla este mes en la reunión del Grupo de las 20 economías más importantes.

¿Por qué es ésta una buena idea? La propuesta de Turner-Brown es la versión moderna de una idea lanzada en 1972 por el fallecido James Tobin, economista de Yale y ganador del Premio Nobel. Tobin sostenía que la especulación monetaria -dinero que se mueve a escala internacional para apostar por las fluctuaciones de los tipos de cambio- tenía un efecto perturbador en la economía mundial. Para reducir estas perturbaciones, proponía cobrar un pequeño impuesto cada vez que se cambiase moneda.

Dicho impuesto representaría un gasto sin importancia para quienes se dedicasen al comercio internacional o realizasen inversiones a largo plazo; pero supondría una importante traba para quienes intentasen ganar dólares (o euros o yenes) rápidamente prediciendo la evolución de los mercados en unos días o unas semanas. Como decía Tobin, "arrojaría un poco de arena a las ruedas bien engrasadas" de la especulación." Podes continuar lendo aquí


Este video enviáronmo Adela e Mon:





E remato, agora sí coa entrevista ao Pte de ATTAC España, Carlos Martínez, no programa de TV de Iñaki Gabilondo na recentemente (e tristemente) desparecida CNN+.



Se che interesa podes continuar vendo as dúas partes que faltan nestes enlaces:

Entrevista a Carlos Martínez 2

Entrevista a Carlos Martínez y 3

sábado, 8 de xaneiro de 2011

XORNADAS SOBRE PLURILINGÜISMO

Os pasados días 17 e 18 de decembro tiven ocasión de asistir en Culleredo, A Coruña, a unhas xornadas educativas destinadas a profesores de linguas e de linguas e contidos, o que se chama en inglés CLIL (contents and language integrated learning); trátase de experiencias educativas que están cobrando moita forza na Unión Europea nos últimos anos. Bueno, para galegos, cataláns e vascos dende a aprobación dos nosos estatutos de autonomía, non é nada novo, xa que no noso sistema educativo xa hai anos que se imparten contidos en dúas linguas, castelán e a lingua propia. O que se está facendo de novo ultimamente é integrar na aprendizaxe de contidos unha lingua extranxeira, no caso do instituto onde eu traballo: ciencias sociais (xeografía e historia) e tecnoloxía en 3º e 4º da ESO impártense tamén en inglés.

Este é o segundo ano para min nesta experiencia e estou moi satisfeita (e creo que o alumnado tamén). Paréceme un sistema que mellora a aprendizaxe por varios motivos, un pode ser que entrenas ao alumnado no uso dunha lingua extranxeira, coa conseguinte dificultade para eles. É como si entrenases a uns atletas levando unha mochila con pedras, cando lla quitas, corren como balas. Bueno non sei se o exemplo é o máis axeitado pero creo que traballando por exemplo as competencias en comprensión lectora cunha lingua extranxeira, cando teñen que ler nunha lingua máis próxima, elles moito máis doado. Hai outro motivo que a min me parece moi importante para extender estas experiencias. O ensino integrado de contidos e lingua extranxeira obriga a romper co método tradicional de ensino memorístico e pasivo, por 3 motivos:

- 1) O proceso de ensino é moi lento, alomenos ao principio, polas dificulades de comprensión e expresión que o alumnado ten en calquer lingua e máis nunha lingua extranxeira; pero eso obrígache a seleccionar moito os contidos teóricos e pola contra a traballar máis o que agora chamamos as competencias básicas (comprensión e expresión lingüistica, razonamento, valores críticos, aprender a aprender, uso da informática...)

- 2) Como non dispós dun libro de texto de referencia, de momento non hai apenas nada editado, tes que elaborar os teus propios materiais e estos están maioritariamente en internet co cal tes que facer un uso moito máis masivo das TICs (tecnoloxías da información e a comunicación ou ICT en inglés), o que favorece ao meu xuízo máis actividades de busca e síntese de información. Tal como persigue o modelo constructivista de ensino, o alumnado participa máis na construcción do coñecemento, son clases máis activas, o profesorado dirixe o proxecto pero o alumnado participa máis.

- e 3) De entrada traballar contidos nunha lingua extranxeira implica como mínimo coordinarte co profesor de lingua extranxeira e se hai máis materias bilingües no centro tes que colaborar tamén con estes/as profesores/as; é dicir fomenta ou máis ben obriga á interdisciplinariedade, algo moi necesario no sistema de ensino secundario actual no que funcionamos coma se foramos compartimentos estancos.

En fin estou convencida que este novo sistema pode funcionar como unha carga de profundidade contra o tradicional modelo de ensino.

Pode parecer que estas xornadas son algo moi específico no ámbito da educación pero como vos intentarei explicar teñen implicacións en todos os ámbitos da educación (de linguas ou non) e fóra dela. É dicir que pode interesar a moitas persoas, docentes ou non e por iso vou compartir convosco as notas que tomei nestas xornadas, que en xeral me pareceron moi interesantes.


O primeiro ponente foi José Manuel Vez, profesor na Universidade de Santiago e director do proxecto atrium linguarum e que vos invito a visitar na súa páxina web. Curiosamente aparece unha entrevista con el estes días no Faro de Vigo. Unha idea clave que explicou na súa intervención en relación aos proxectos CLIL é que " se usan as linguas para aprender mentres se aprende a usar as linguas".

A segunda ponente era unha profesora granadina, Isabel Pérez Torres que nos aclarou que era iso da web 1.0, 2.0 e 3.0, cousa da que eu oíra falar sen saber a que se refería. Se non entendín mal:

- a Web 1.0 eran as primeiras páxinas de internet, páxinas estáticas, moi útiles ainda, pero nas que se presenta a información para consulta, feita normamlmente por persoas de certas instituciós e organismos que teñen ás posibilidades técnicas e económicas que supón o deseño e publicación dunha páxina web.

- posteriormente aparece a Web 2.0, xa non só se consume a información senón que se interactúa, pódese colaborar; nos blogs por exemplo, sen demasiados coñecementos informáticos, como é o meu caso, calquer internauta pode crear contidos e pódese opinar e participar, outro exemplo é a WIKIPEDIA; é tamén o momento de explosión das redes sociais.

- E últimamente xa se está traballando no deseno da web 3.o. Isabel Torres definiuna como unha web intelixente, unha web semántica que non só entende as palabras senón tamén o contexto e polo tanto refina as búsquedas e aforra tempo. Tamén será unha web ubícua porque a través de telefonía móbil pronto estará en todas partes de xeito rápido e barato, ela mesma falou de como se está traballando xa con móbiles co alumnado nas aulas, por exemplo ferramentas como twiducate, unha especie de twitter para profes e alumnado ou novas aplicacións educativas para móbiles como as creadas polo i-phone. E finalmente fixo fincapé no proxecto que está a desenvolver o creador da rede, da World Wide Web, Tim Berners-Lee do RAW DATA NOW, que consiste basiacamente en que gobernos, universidades, empresas e cidadáns publiquen na rede os datos de que dispoñen; a interrelación destes datos poden dar lugar a fenómenos interesantísimos, e senón pensade en wikileaks. Recoméndovos que vexades este video, novamente de TED.com onde o propio Tim Berners explica o proxecto.



En definitiva: a web 1.0 supoñía información, a web 2.0 interacción e a web 3.0 suporá personalización.

Tamén falou a profesora Pérez Torres da importancia que terán no futuro os contidos en video dentro da web, calculan que en poucos anos o 90% dos contidos en internet estarán en video. Tamén nos remitiu a outro video de TED.com, é unha charla dada polo propio creador da páxina, Chris Anderson e que vos recomendo que vexades porque ten moitas implicacións na educación como que a grabación de imáxenes estimula a aprendizaxe, o feito de que o alumnado saiba que esas imáxenes van ser mostradas a toda a comunidade educativa ou inclusive a fóra dela motiva a búsqueda da excelencia e a innovación. Bueno eso entendín eu. Mirádeo vós mesmos:



Bueno estou estendéndome demasiado e non quero aburriros, vou resumindo:

Félix Villalta aportou unha idea que me interesou e é que a maior parte de usuarios e de fluxos de comunicación en internet se producen entre países desenvolvidos, fundamentalmente entre EEUU e Europa; el falou de que ao mellor a idea dunha "aldea global" é en realidade un "barrio residencial global". Si en internet están agora mesmo as maiores posibilidades de desenvolvemento do coñecemento como estivemos vendo, os países menos desenvolvidos van quedar fóra e a brecha norte-sur vaise agrandar. Aí hai un reto cara ao futuro.

Outra idea que destacou Félix Villalta e despois tamén a charla de Alberto Lanzat (profesor no IES Los Manantiales de Torremolinos no que hai alumnado de 34 nacionalidades diferentes e 23 linguas ambientais distintas) é que o fomento do plurilingïsmo leva implícito o fomento da interculturalidade. E que falar unha lingua diferente non só supón usar un vocabulario e unha gramática distinta senón tamén pensar de forma distinta, achegarse a unha cultura diferente. No mundo globalizado no que estamos, onde a mestura de razas e culturas está sendo xa un feito en calquer lugar, o fomento do plurilingïsmo debe ser un obxectivo prioritario. O inglés (ou GLOBISH= globalization+english) será a lingua de comunicación principal, por motivos históricos e económicos impúxose como tal nos guste ou non, e hai que fomentar a adquisición de competencias lingüisticas plenas que nos permitirán comunicarnos con case calquer persoa do mundo. Pero anque centremos o esforzo principal no inglés, anque non se alcancen unhas competencias lingüisticas completas temos que fomentar no alumnado, e futuros cidadáns, a comprensión e o achegamento a outras linguas e culturas.

A estupenda charla do profesor Artur Noguerol, profesor emérito da Univerdade Autónoma de Barcelona, reacalcou a importancia de non considerar mellor a unhas linguas que outras como a miúdo se fai no noso país co inglés e castelán en detrimento de linguas minoritarias como o galego ou o catalán. Eu atopo na aula prejuizos subliminais contra o galego, por exemplo: si puntualmente mando traducir un texto do inglés, o alumnado de primeira intención o fai ao castelán, anque saben que na nosa aula de sociais se usa o galego, pero creo que ven ao galego como unha lingua non apta para traducir a ela. Igualmente a administración educativa galega na nova lei de "dinamización" lingüistica establece que non podes esixir ao alumnado expresarse en galego, a pesar de que o curriculo oficial di que a materia de sociais se imparta en galego e ao mellor me busco un problema se o fago; porén nas miñas aulas bilingües creo que non terei problema ningún en esixir que alumnas e alumnos se expresen en inglés. Nun caso se ve como unha imposición intolerable e adoctrinante e no outro caso, simplemente como algo necesario para mellorar a aprendizaxe da lingua.

Destacar tamén a experiencia que se está levando nunha escola de primaria de Barcelona en educación plurilingüe e que nos contou a profesora Rosa Mª Ramírez. Mira este enlace

Como vedes as xornadas resultaron bastante interesantes pero cando os docentes asistimos a estes encontros e volvemos á realidade das aulas, sentímonos un pouco frustrados e non só pola falta de medios materiais e humanos, que tamén, senón polas pedriñas que nos pon no camiño a administración educativa cando queremos innovar e falo da miña experiencia con (ou contra ) inspectores (e inspectoras) educativas. Déixovos un fragmento dunha película que me gusta moito "Paths of glory". Onde falen os xenerais imaxinádevos un inspector (ou inspectora) e onde di trincheiras ás aulas. Compañeiros docentes non vos sentides un pouco os soldados das trincheiras? Bueno creo que estou esaxerando pero do que estou segura é de que precisamos máis autonomía nos centros educativos, que está sobradamente demostrado que contribúe á mellora da calidade do ensino. É dende as aulas desde onde se ten que planificar a educación e non dende os despachos onde está xente que leva moito tempo alonxada da realidade educativa.



E finalmente vou facilitarvos unha serie de enlaces que nos deron os ponentes e que vos poden resultar útiles:

Plataforma educativa: Prácticas en educación

Revista dixital: Prácticas en educación bilingüe y plurilingüe

Páxina do Consello de Europa sobre linguas

E unha plataforma creada polo profesor Manuel Lara Garrido, sin ningún apoio institucional dito sexa de paso, para compartir experiencias e materiais entre profesorado:

Bilingual Education Platform (BEP)



E por hoxe abonda xa. (O meu amigo Eduardo vaime berrar, di que fago entradas moi longas que non ten tempo para ler, síntoo).